Xoubas, e máis xoubas! Neste undécimo episodio, primeiro de 2012, último ano do planeta Terra, abrimos cunha desculpa oficial a todos aqueles aos que puidemos ofender na nosa frecuencia (que non che son poucos, oes); facemos un balance do que foi o ano 2011, unha volta arredor do Sol que ben podería ter pasado inadvertida; celebramos con carácter premonitorio o aínda non consumado pasamento de Don Manuel; tralo noso espazo anti-informativo, os deportes nos trae a Liga Gatuna de Telequinesia Felina, que vos fará rosmar e frotar os bigotiños contra todo mobiliario; Percorrendo Galicia nos achegará á peculiar fauna e flora de Santiago de Compostela, cos seus Turistis Alemanis e Funcionarius Xunteii; e coma sempre, moita e negra música e, de regalo, berimbao drum and bass! A papar!
Nesta décima edición de xoubas, última de 2011, abrimos cun espectacular e luminescente Regreso ao Pasado político grazas ao executivo popular; analizamos o peculiar ecosistema dos bares, tabernas e tascas galegos; bizarrearemos ante sons vampiro-cheguevarescos; retransmitiremos en rigoroso branqueo o 15º Torneo Interoceánico Costa Brava S.A. de Corrupción Política; traemos un zapping neuroléptico e antihistamínico; o sultán Qaboos cóntanos unha mesoasiática historia de amor bestialista e guerra; plantexamos dez posibilidades que se poden dar ante unha sobredose etílica; e, coma sempre, moita información verdadeiramente falsa, música africano-primeiromundista e cousas bizarras a cachón. Xoubas.
Esta semana en Plástico Elástico recibimos a visita de Angélica y Roberta, que se achegaron ao Musical Underground Especializado para presentarnos a Serie de Moda máis Freak da Internet.
Repasamos a Axenda de Concertos Recomendados para os vindeiros días por Galicia, prestando especial atención ás actuacións de Samesugas, Movie Jack + Curtinaitis, BlueSkank e The Gift.
Esta semana en Plástico Elástico recibimos a visita dos compostelanos Samesugas, que se achegaron ao Musical Underground Especializado para merendar con nós e presentarnos os temas do seu Terceiro e Flamante L.P. "They Are Out There" (Lixo Urbano, 2011).
Repasamos a Axenda de Concertos Recomendados para os vindeiros días por Galicia, prestando especial atención ás actuacións de Voltaica, The Right Ons e BlueSkank. Asemade, pegamos o último repaso ao cartel do 2nd Rock-A-Billy Boogie Night.
Entre o pasamento de Isaac Díaz pardo e o colapso biolóxico de Manuel Fraga, Alén da Onda analiza as experiencias próximas á morte. Existe un ceo para os bos e xenerosos despois do túnel? Existe un inferno de xustiza para as almas facinerosas? Pasaríalle a Fraga toda a súa vida nun instante pola mente no derradeiro minuto sen cortes nin censuras?. Poucos días antes do acontecimento que sume España nun estado de amnesia colectiva, os nosos expertos científicos do paranormal analizaron estas e outras cuestións nunha nova edición do programa máis arrepiante das FM galaica. E como colofón un achegamento ao fenómeno de Poltergeist que sacode San Caetano e ameaza con absorver de vez o autogoberno galego.
Alén da Onda, no máis alá do teu dial, no 107.9 da Radio Kalimera.
Ei, rapazada! Xa está aquí a novena edición da terceira tempada de Xoubas, un episodio tan fresco que xa ten un mes de antigüidade. Como aperitivo traemos unha radionovela detectivesca ao máis puro estilo inglés, chea de tensión, mentiras e té; de primeiro prato temos rica información de última hora acompañada dos deportes, aderezados coa disciplina profesional máis practicada polo executivo compostelán: a “Caza de Hippies na Zona Vella”; como entremés, “Percorrendo Galicia” nos leva ata esa descoñecida masa azul que hai máis aló de Noia: o mar; de segundo prato, o Sultán Qaboos deléitanos con outro episodio dos seus contos ben bañado en exquisito ouro negro; e como colofón, a emisión en exclusiva de “Vello Verde Busca Ameixas”, coa colaboración especial do showman Medio Juan. E todo ben regado cun Funkdeorras colleita do 81. Que vos aproveite!
Primeiro Programa deste Novo Espacio Radiofónico Mensual onde "pretendemos rescatar episodios históricos e persoaxes censurados, esquencidos e/ou niguneados polos medios comerciais, dende un enfoque antiautoritario. Neste primeiro programa abordamos as orixes do ilegalismo no seo do movemento obreiro; a propaganda polo feito.
Contamos coa colaboración de Miquel Amorós, destacado escritor nas facetas teóricas e historiográficas entorno ao anarquismo e as loitas antiautoritarias. Tamén queremos agradecer profundamente as dramatizacións aportadas por: Rosa, Valdés, Edu e Iván.
Xa estamos de volta. Despois de dúas ¿merecidas? semanas de vacacións, abrimos o novo ano en Plástico Elástico adicando íntegramente a nosa 1ª Edición de 2012 ao 2nd Rock-A-Billy Boogie Night.
Nem reises, nem magos, nem tres, nem pesebre. Os camelos anarquistas de Gustavo Duch Guillot A massacre dos inocentes: Outra lenda da Biblia Como carallo o saberían de Suso Lista Os fungos e Papá Noel Las desiertas abarcas de Miguel Hernández
Que mellor xeito de comezar o ano que Xoubas! Nesta oitava edición da terceira tempada, do 5 de decembro, comezamos a palpar o Nadal coa Competición de Espírito Navideño; inauguramos a nosa sección de historia da nosa amada patria, a Nova España con H, co relato dos feitos reais do afundimento do Prestige, obra do malvado Rub-al-kaaba; escoitaredes o verídico testemuño dun apóstolo negro; deleitarémosvos no noso rincón literario cunha oda ao noso amado Conde-Alcalde; o Sultán Qaboos vén coma sempre cargado de contos para pequenos e maiores; ensinámosvos dez formas de ser un xornalista de éxito; temos tamén zapping ultradimensional polas ondas da bizarría; e, coma sempre, información contraproducente e música nigga-diverxente. Bon appetit!
Na derradeira entrega de 2011, Alen da Onda aborda as previsións apocalípticas para 2012 e a catástrofe termonuclear agoirada pola civilización Maia hai cinco mil anos para o mes de decembro de tal ano. Os nosos espertos científicos do paranormal despiden este ano nefasto dilucidando as diferentes teorías sobre a fin do mundo, desde o cambio de era até a apocalipse clásica pasando pola instauración do comunismo tribal como fase posterior ao capitalismo en crise. Unha selección cos mellores momentos psicofónicos do programa, que inclúe o poltergeist na Casa Real, o exorcismo do alcalde de Santiago, a psicofonía da gasolineira de Guitiriz ou diversas declaracións paranormais do actual presidente do goberno español, serve de pretexto para brindar por un novo tempo cheo de fenómenos parapsicolóxicos e avatares transmundanos. E para que nada falte, fica grabada a enésima aparición nas ondas estocásticas da pantasma de Alfredo Brañas, espectro xa familiar no programa máis arrepiante da FM galaica.
Alén da Onda, no máis alá do teu dial, no 107.9 da Radio Kalimera.
Nunha nova entrega do programa máis paranormal da FM galaica, a oitava edición, adicada ao Nadal, os nosos expertos en parapsicoloxía e ciencias ocultas desentrañan a auténtica identidade de Xesucristo, a decadencia borbónica asociada á Monarchia Universalis e a corrupción do RH real por obra de xenros vascongados, e tamén, a petición popular, a ascendencia imparable da Triple R, unha escura loxia masónica galega que domina xa as tres institucións fundamentais do Estado Español, a Conferencia Episcopal, o Goberno e a SGAE. Estes e outros misterios, como a loita titánica entre Papa Noel e os Reis Magos polo dominio do mercado fantástico infantil conforman un programa cheo de bos desexos e mellores intencións como é propio destas datas entrañábeis. Cos habituais contertulios, o exitólogo Ezequiel Daniel, o catedrático de ciencias paranormais Nero Relicario, a artróloga Garma Alba e o inefable Casimiro Canalillo.
Alén da Onda, no máis alá do teu dial, no 107.9 da Radio Kalimera.
Esta semana Despedimos o Ano 2011 en Plástico Elástico facendo un Repaso por Tódalas Bandas que visitaron o Musical Underground Especializado ao longo destes 12 meses para presentarnos os seus Traballos Discográficos.
Un total de 20 Grupos Galegos pasaron polos nosos Estudios durante as 31 Edicións realizadas os pasados 365 días e con varias Bandas do Estado Español mantivemos Conversa Telefónica con motivo das súas Visitas á Nosa Comunidade.
Moitas Grazas a Tódalas Bandas por achegarnos a súa Música ás nosas Ondas Hertzianas e a Todos(as) Vós por Sintonizarnos. Feliz Ano 2012!
Este é o sétimo... de cabalería. Nel atoparedes telelixo sonoro con moitas referencias a eventos europeos. Uns dirán que 'disco disco', mentres o resto respostará 'party party'. Pero deixémonos de internacionalismos e lembremos, con esta pista sonora, as marabillas da natureza galega: onde aínda quedan moitos Rafas Amorodo's (badum tish moi rebuscado). ¡Bisti (carro de) Bois e propaganda soviética! E por suposto -¡party!- a actualidade máis interdimensional e os -¡disco!- deportes patronais de Estocolmo de Bares. ¡Nenos imbéciles e finalmente o decálogo que deixou sen durmir ao noso alcaide!
Esta semana en Plástico Elástico recibimos a visita dos compostelanos Mato Grosso, que se achegaron ao Musical Underground Especializado para presentarnos o seu Primeiro e Flamante L.P. "Blanco Perfecto" (Autoeditado, 2011).
Repasamos a Axenda de Concertos Recomendados para os vindeiros días por Galicia, prestando especial atención ás actuacións de Pacífico, Samesugas, Baldosa Amarilla, Sinestesia e Blows.
Con todos vós o sexto episodio desta terceira tempada de Xoubas, unha edición feita con dores de cabeza por mor da gravísima resaca electoral. Ademais de ofrecervos o noso especial "20-en Xoubas", aproveitamos para publicitar o noso medicamento estrela: a PoloBulPPSOína (agora con máis bipartisona). Pero non todo é política, e no programa máis concorrido de Xoubas, temos actuación en RIGOROSO DIRECTO do noso amigo contrabaixista-harmoniquista-cantante italófono Tino Concertino; ademais de contar cun colaborador arxentino de verdade. E a maiores, traemos tamén un zapping polo mellor da FM (Ficticias Mamalonadas); na sección deportiva relatamos a máis emocionante disciplina deportiva coñecida: o Duelo de Funcionarios; a nosa equipa de reporteiros invertebrados desprázanse dende o estudo a todos os recunchos multiverso para informarnos do menos importante do que está a ocorrer; o magnánimo Sultán Qaboos deléitanos cun pouco didáctico conto sen moral algunha; e coma sempre, música a esgalla para toda a familia afrocaucásica!
Esta semana en Plástico Elástico recibimos a visita dos vigueses Dixie Town, que se achegaron ao Musical Underground Especializado para presentarnos en Primicia os temas do seu último e 3º disco "Fat & Superb" (Sound Dealers, 2010) en Formato Acústico. Asemade, adiantáronnos un novo tema que formará parte do seu 4º Traballo "O Furacán", que se editará a finais do vindeiro ano 2012.
Adiantamos 3 temas do que será o novo e 3º Disco do cuarteto de Punk-Rock compostelano Samesugas, que levará por título "They Are Out There" e que editará en formato CD o Selo Compostelano Lixo Urbano o 17 de Decembro. En Nadal deste mesmo ano o disco porase tamén en circulación en formato Vinilo con CD incluído. "They Are Out There" presentarase en directo o 17 deste mesmo mes no Liceo Mutante de Pontevedra, onde Samesugas compartirán escenario cos cataláns "Secret Army" e os Don Ramirenses "Nobody's Fool".
A partir da figura de Kaspar Hauser, convidamos a Álvaro, membro de Proxecto Derriba, a expoñer as liñas de traballo e pensamento do colectivo do que fai parte. Acompáñano textos de Walter Benjamin e W. G. Sebald e a música de Georges Moustaki ou Tarántula:
■ Os xoves ás 20:00, cada dúas semanas, na Radio Kalimera, no 107.9 do dial, ou a través da rede.
Na sétima edición de Alén da Onda os nosos expertos científicos do paranormal enfróntanse ao fenómeno PUFO, a colonización alieníxena das altas esferas do poder mundial por parte dos reptilianos, extraterrestres procedentes do planeta Clarión, espello ultraneoliberal do planeta Terra situado do outro lado do Sol. Na secuencia da análise apreséntase un documento arrepiante sobre a abducción de Mariano Rajoy por loxias clarionitas días despois da súa victoria electoral e coméntase a vaga de OVNIS comandada pola Audiencia Nacional que vén de sementar o caos municipal en varias cidades galegas durante as últimas semanas. A estrutura piramidal do poder reptiliano e os seus abraiantes atributos vitais fican esclarecidos de vez no programa máis aterrador e psíquicamente avanzado da FM galaica, onde todo é posíbel.
Alén da Onda, no máis alá do dial, no 107.9FM da Radio Kalimera.
Colaboran neste programa Carlos Meixide, Marga Alborés, Expósito Alcocer, Carlos Santiago e Mariano Rajoy Brey.
Empurrada por un alento do nordés de forza 5 a 6, chega unha nova ración de Xoubas, quinto episodio da terceira tempada. Nesta edición ímonos de zapping, planeando polos mundos radiados e recollendo o néctar máis excelso coma se de abellas elitistas se tratase; o noso informativo, posterior ao INTERESANTÍSIMO debata electoral entre o presidente electo Mariano Da-Doy e o futuro zombi político Freddy Krubalcaba; os deportes nos levan ata o apasionante campionato galego de meteoroloxía; cedemos un novo espazo electoral aos partidos minoritarios que non teñen cabida nos grandes medios; retomamos a moi reclamada Batea do Tempo; emitimos un comunicado cabreado dos países que non pintan nada neste planeta; publicidade subliminal, liminal e superliminal; e sobre todo, a excelsa presenza do noso amigo Chano, que di unha frase ao final do programa. Bon appetit e ata prontiño!